Monday 06 de May de 2024

O Concello de Noia pon en valor os xardíns Felipe de Castro e da Praza das Angustias


A concelleira Mariola López Cierto explica que “comezamos recuperando os xardíns da entrada principal da alameda e seguiremos coa plantación de primavera e actuando tamén nas parroquias”

O Concello de Noia vén de rematar os traballos de recuperación e posta en valor dos xardíns Felipe de Castro e da Praza das Angustias, que conforman a entrada principal da alameda. Uns traballos que son o principio dun plan de actuacións de mellora dos parques e xardíns no municipio xa que “comezamos recuperando os da zona máis céntrica, coincidindo tamén cos actos de conmemoración dos 850 anos da sinatura da carta fundacional da nosa vila, e seguiremos nas próximas semanas coa plantación de primavera e actuando tamén nas parroquias”, explica a concelleira de Parques e Xardíns, Mariola López Cierto.

Os traballos realizados incluíron o traslado dos rododendros da Alameda, que foron replantados no exterior do campo de fútbol de San Lázaro co obxectivo de que se asenten aló e conformen unha pantalla vexetal para o propio campo. “Son unha especie preciosa pero estaban moi grandes, tapaban un fermoso muro de cantería e unhas xardineiras en pedra e, debido ao incivismo dalgunhas persoas, en ocasións eran un lugar de malos cheiros polo que optamos por unha opción diferente que agardamos que guste á veciñanza”, apunta López Cierto.

Así mesmo, rematáronse os traballos de reparación e recuperación dos peches perimetrais dos xardíns Felipe de Castro. Nesta ocasión, os operarios da brigada de obras municipal plantaron buxos nos ocos existentes de xeito que quedaron todos aliñados. Neste sentido, a concelleira de Parques e Xardíns indica que “eses ocos sen cubrir eran froito do paso continuado de persoas a través da zona axardinada, polo que temos previsto colocar algún cartel máis na zona para que tanto adultos como menores respecten e coiden estas zonas verdes”.

Próximas actuacións

Mariola López Cierto considera que con estas actuacións “os xardíns do centro de Noia melloran considerablemente e poñemos en valor unha das zonas de ocio máis empregadas pola veciñanza”. Así mesmo, adianta que nas próximas semanas se vai acometer a plantación de especies de temporada tanto nos xardíns Felipe de Castro coma nas xardineiras do casco urbano. “O noso obxectivo é empezar dende o centro da vila e despois ir levando os traballos cara as parroquias”, conclúe a concelleira de Parques e Xardíns de Noia.